Con motivo de la conmemoración del 8M, hemos participado en el Pleno especifico del Concello, con un texto sobre

A SITUACION ECONOMICA DAS MULLERES. POBREZA E EXCLUSIÓN SOCIAL

 Para que as mulleres teñan liberdade persoal, Virginia Wolf en 1928 propuxo: «Démoslle un cuarto propio e cincocentas libras ao ano». Daquela, ter un espazo de seu era algo alleo a calquera muller que non pertencía ás clases máis adiñeiradas. E hoxe podemos dicir que segue igual. E, cincocentas libras en 1928, era o mínimo para vivir con certa dignidade. Hoxe esas cincocentas libras equivalerían a trinta e dous mil euros. Lamentablemente, esta cantidade está moi lonxe dos 10 ou 12 mil euros anuais que poden cobrar un gran número de pensionistas, tanto de viúvez como non contributivas. Lembremos que estes non superan os 8.000 euros anuais.

Outro grupo de mulleres en situación de pobreza son aquelas que, aínda que están en fase laboral, perciben o salario mínimo ou inferior, por non poder completar a xornada. ¿E isto a que e debido?  A coidar dos seus fillos ou dos seus maiores. Os seus ingresos apenas cobren parte das súas necesidades básicas. Polo tanto, podemos dicir que a imaxe da pobreza é a dunha muller maior, que non tivo unha vida laboral remunerada, ou a dunha muller, cabeza de familia monoparental, con traballos inestables e mal pagados.

Xa sabemos que as mulleres que teñen cargas familiares atopan grandes dificultades para compaxinar estes coidados co seu acceso a traballos de longa duración. Incluso teñen que facer malabares para combinar o tempo cando teñen que acudir a unha entrevista de traballo.  E non esquezamos a necesidade da formación que dinamice a súa carreira. É un círculo do que non poden escapar. Como non poden traballar, non teñen cartos e como non teñen cartos, non poden pagar unha axuda de coidados e poder dedicar tempo ao traballo e á formación.

Nas loitas sociais, a maior parte da visibilidade recaeu nos que tiveron tempo para adicarse a elas, e os cartos para apoialas. Se tes máis tempo e cartos podes involucrarte máis neste activismo, e polo tanto no que se demanda, se reclama e se consegue. Moitas mulleres non asisten a estas folgas e manifestacións porque necesitan o soldo.

As mulleres están sobrerrepresentadas no traballo informal, estacional, a tempo parcial e de baixos salarios. As desigualdades de xénero no mundo laboral e no traballo de calidade tradúcense nunha brecha no acceso ás prestacións de protección social que se adquiren a través do emprego, como as pensións, as indemnizacións por desemprego ou a protección da maternidade. .

Todos sabemos que temos que priorizar a educación. Este século XXI require un desenvolvemento profesional continuado en liña co ritmo das rápidas transformacións tecnolóxicas O poder feminino é esencial para construír sociedades máis xustas, equitativas e prósperas. Cando as mulleres teñen acceso á educación, a un emprego digno e a oportunidades de liderado, non só melloran as súas vidas, senón que tamén contribúen significativamente ao desenvolvemento social e económico das súas comunidades.

Unha vez máis temos que seguir reclamando medidas para reconverter esta imaxe de pobreza e exclusión social:

Vou enumerar algunas:

Primeira– Mellora dos salarios mínimos e pensións.

Segunda– Medidas sociais de conciliación da vida laboral e do coidado dos fillos.

Terceira- Solución habitacional, en forma de alugueres reducidos en función dos ingresos de cada colectivo.

Cuarta– Ampliación dos servizos asistenciais a través do traballo regulado, que ademaís suporía a creación de numerosos postos de traballo.

Quinta– Mellorar a atención sanitaria, incluíndo aqueles servizos como odontoloxía e adquisición de lentes, dos que non poden gozar as mulleres con baixos ingresos.

Sexta– E, non menos importante, mellorar o acceso á cultura e ao lecer de calidade, para promover a saúde mental e emocional das mulleres.

O verdadeiro empoderamento está ligado ao diñeiro, o diñeiro que nos permite a liberdade e a independencia para pensar, dicir e facer.

Emulando a Luther King, digo: ¡Teño un soño! que as mulleres participen  por igual no traballo digno e na protección social, e se beneficien de eles;  que accedan aos mercados e teñan control sobre os recursos, sobre o seu propio tempo, as súas vidas e os seus corpos; e que gocen de máis representación, capacidade de acción e participación real na toma de decisións económicas a todos os niveis, dende os fogares ata as institucións internacionais.

Esta é a nosa meta.  Esta é a nosa esperanza.

 

Asociación de Viudas Demócratas de Vigo

8/3/2025